Sesenta. ¡Que número máis bonito! ¡Canta perfección concentrada en tan só dúas cifras!
Unha hora son 60 minutos e, á súa vez, un minuto son 60 segundos. 60 euros son 10.000 ‘dasantigaspesetas’, e falando de antigos, ¡que divertidos deberon ser os 60!
60… ¡É o número perfecto! ¿Ou non? Eu podería vivir toda a miña vida arrodeada de sesentas: durante 60 anos máis, con 60 amigos, nun piso de 60 metros cadrados, con 60 euros ó día, sen subir dos 60 quilos, con só 60 litros de auga ó día.
Porque, por moito que digan algúns insensatos, 60 litros ó día ben chegan. O caso é organizarse. Por exemplo, a primeira medida que, coma min, deberían tomar tódolos habitantes diso que chaman España é deixar de beber auga. ¿Para que existe a cervexa se non? Así xa aforramos dous litros por persoa e por día. Despois, para evitar gastar os 40 litros que consume o lavaplatos, poderiamos utilizar só platos, vasos e palancas de plástico. As potas que utilizamos para cociñar os alimentos poderiamos lavalas con servilletas de papel, que auga non teremos, ¡pero de eucaliptos andamos servidos! Aproveitando dámoslle chollo a Ence, que seica aínda lle queda un tempiño á beira do Lérez. Para aforrar o litro e medio que gastamos en lava-los dentes poderiamos mascar chicles deses para despois das comidas (e de paso, así tamén axudamos a un colectivo tan desamparado coma os dentistas). E para limpa-las mans, ¡pois como se fixo toda a vida! ¡Limpalas ó mantel/manga/pantalón ou ó xersei do teu irmán pequeno! E para aforrar os 80 litros dunha lavadora, poderiamos usar só ropa de algodón natural, dese que transpira tan ben. Usamos cada camiseta un par de veces e logo ¡ó lixo con ela! ¡Que doado!
Pero no que máis auga gastamos é en ducharnos. Aí si que, sentíndoo moito, non se pode escatimar, porque a hixiene é algo imprescindible para a nosa organización cultural e social. Doce litros por minuto é moito desperdicio, así que non nos queda outra: teremos que bañarnos en leite de cabra, como facía Cleopatra. ¡Anda que sabían pouco eses exipcios! ¡Se foron eles os que inventaron a cervexa!
En resumo, xa aforramos os 2 litros de beber, 40 do lavaplatos, 1.5 de cepilla-los dentes, ponlle outros 5 de lavar as mans varias veces ó día, os 80 da lavadora e aproximadamente 72 litros máis da ducha diaria… Un total de nada máis e nada menos que 200.5 litros ó día!!!! Pero o mellor de todo é que, seguindo as miñas propostas, ¡non consumimos nin tan sequera unha gota de auga!
Xa mo dicía miña avoa, que eu ía para ministra…