A inmobilidade do destino

Xaneiro 1st, 2013

Agóchome nun burato escuro
Onde só se escoita a humidade
E o silencio do meu corazón.
Xa berran por el os ollos.

O último bico non foi tal,
Non foi como tiña que ser
Porque non eramos ti e máis eu.
Eramos só dous corpos baleiros
Loitando contra a forza que os quere separar.
Non me chegaron dez segundos.

Turraron de min para alonxarme,
Sentín a inxustiza agarrándome os brazos.
Notei a ilóxica do antinatural,
A inmobilidade do destino
E os nosos esforzos por nos sobrepoñer.

E tamén medo a un futuro nunca imaxinado
Nin nos peores pesadelos,
A unha vida sen sentido,
E a pesadume de non ter cumplido as promesas
E os desexos de nunca perdernos.

Non quero que ninguen me vexa asi,
E ríome de min mesma
(por non chorar)
Por ter caído dentro dos restos
Da muralla en ruínas que construín hai tempo.

Non quero que ninguén me vexa así,
Sen forza nin para respirar,
Sen ganas de compartir,
Sen sentido da miña vida,
sen esperanza e só con recordos.

Loito contra min mesma
Por non chamarte, por parecer viva.
Móvome automáticamente,
Sen alento, por que non saiban que xa non estou.
Que máis me ten, se non te teño?

A terra mollada cáeme na cara,
A humidade acala os meus saloucos.
Abrázome ao único recordo que me queda teu,
A camisola que che roubei antes de marchares
Intentando non chorar.
E xa non sei se respiro.

O derradeiro bico

Decembro 31st, 2012

Un dos peores momentos que se poden pasar é o do derradeiro bico, sobre todo cando o único que queres é pedirlle aos outros beizos que nunca estean a máis de medio centímetro da túa pel. As sensacións multiplícanse e grávanse no cerebro coa tinta dos recordos indelebles, pero co sabor máis amargo que se pode imaxinar.
Cando os meus ollos loitan por reter as bágoas vexo os teus rizos perfectamente despeiteados proxectándose como sombras no teito, e penso no que sempre me gustou enredar os meus dedos neles, botarchos para atrás antes de acariñarche as meixelas con toda a dozura que pode saír das miñas mans. Estou tan preto da túa cara que a túa barba me fai cóxegas nos labios. Só che vexo un ollo, pero estás tan pegado a min que non o podo nin enfocar, e apenas noto esas primeiras engurras que se lle achegan polas que tanto me gusta navegar.
Pecho os ollos e aspiro o teu olor, que sempre me calma cando apoio a orella contra o teu peito para sentirche o corazón. Agora só escoito a túa respiración, acompasada co bico, e que me fai lembrar a túa voz e todo o que nos quedou por dicir.
Concéntrome no teu bico e saboreo a saliva que se coa ata a miña boca, sempre tan doce e fresca, sempre co teu sabor. Sinto as túas mans quentes na miña cintura e quero apertarte máis entre as miñas cando, de súpeto, separas os beizos dos meus. Xa acabou o noso derradeiro bico e só quero quedarme pegada a ti para sempre. Como pode ser que teña que dicirlle adeus ao meu home perfecto, ao que fai que a vida teña algo de bonita? Xa nada parece ter sentido.

Segredos de familia

Decembro 6th, 2012


Ninguén chorou no seu velatorio. Algúns achegábanse ó vidro que os separaba do cadaleito e rezábanlle oracións pola súa alma; outros paseaban calados pola sala; a maioría facía pequenos grupos e lembraban aquel humor tan acedo, negro e punzante que tiña. Non houbo bágoas nin saloucos silenciados.
Ó día seguinte fun con meu pai a casa da defunta, abrímoslle os armarios e estivemos a revolver neles ata sorprendernos cos cartos e as xoias que alí tiña escondidos. Eu sabía onde os gardaba porque sempre que ía por alí sacaba un billete da carteira e mo daba medio ás agochadas. Collímolo todo: os sobres brancos con cartos, os antiquísimos prismáticos adornados con nácar, os pendentes de ouro que eu nunca lle vira postos, o misal de 1942, as carteiras que alí tiña, os adornos para os días de festa, perfumes sen empezar, regalos perfectamente envoltos para lle dar ás visitas… Non sabiamos da existencia da metade das cousas que levamos para casa, ela nunca fixera ostentación do que tiña. Foi coma un día de Reis adiantado, como cando eu era pequena e a avoa sempre nos agochaba os nosos regalos, coma se fose un xogo, para multiplica-la maxia. Ata mentres nos despedíamos dela foi quen de facernos felices.
Alí, naquela habitación invadida por bolsas de plástico de comercios que xa pecharan, todo xiraba entorno a min e os meus irmáns. Emocionábame coa enerxía que desprendía cada cousa que tocaba. Na cómoda tiña un papeliño cos nosos cumpreanos todos apuntados dunha cara, e os nosos santos todos da outra, para non se esquecer nunca. Ata o seu número de móbil levaba apuntado con letra tremolosa na carteira, porque nunca se lembraba del. E entre as súas xoias de máis valor tiña gardado o colgante que nós lle regaláramos, co seu nome por diante e os de tódolos netos por detrás, por Reis de hai case dez anos co que os nosos aforros deron de si.
A avoa levaba anos comendo os cartos da familia en gastos innecesarios. Cando quedara viuva quedáralle unha boa morea de millóns, unha parte dos cales esmoreceran nuns cantos anos, sen explicación aparente. Foi en pouco tempo, uns cinco anos, pode ser. E nuncha libreta chea da súa letra angulosa e rebuscada atopamos a explicación a tal misterio: a avoa gastara o diñeiro en nós, en pagarnos os estudios, sen nolo dicir nunca.
Tal como me dicían todos os amigos que se foran despedir dela, a avoa era xenerosa e boa persoa ata o infinito. Por iso entendín que ninguén chorase no velatorio ou no funeral, porque unha muller coma ela sería incapaz de facer chorar nunca a ninguén. Os bos recordos que deixara eran máis fortes que a súa repentina ausencia.

Adicado á miña avoa, porque durante moito tempo non a entendín. Aínda lle debo un bico dos que doen

Azucre

Decembro 2nd, 2012

Se puxese mais azucre no té
Teria obtido unha mirada doce.
Marchaches, non probaches o té
E ainda non sabes todo o que alí vertín.
Todo o que levaba dentro,
Todo o que nunca dixen.
O que aínda levo dentro,
O que hoxe me come dende dentro

Substituto

Novembro 29th, 2012

Atopei un substituto perfecto
para os teus ollos de gato.
Xa teño case todo o que quero.
Xa só me falta recuperarte a ti.
Ven miañar á miña fiestra
E eu rozarei a meixela contra a túa man.

Tódolos ollos son pardos

Novembro 14th, 2012

Disque de noite tódolos ollos son pardos, coma os teus. No meu mundo, polo menos, é así.
Cando ninguén os ve, os ollos das persoas cambian de cor, queren imitar a dos teus ollos. Vólvense da cor do ron queimado, da cor do mel. Pero non hai outros coma os teus, da cor dos gatos: son coma unha revelación que só se descubre un intre nunha mirada furtiva directa ós meus ollos. Aínda cando nos miramos disimuladamente diante de todos, cando todo o mundo mira para nós disimuladamente, a multitude non pode ver o aleph que eu vexo no teu mirar.
Agradézolle á penumbra que agochase os teus ollos baixo a sombra espesa das cellas, porque esas miradas túas crávanseme no peito, matan á muller que son e resucitan á nena que levo dentro.

Esperanzas e recordos

Outubro 1st, 2012

Aínda non coñezo a casa onde hei vivir durante os próximos meses. Non sei o que hai dentro dela.
Sei que hai unha cociña na que podería cociñar para dous e preparar os postres máis doces.
Sei que hai unha sala de estar con tres preciosos sofás vermellos nos que podería ver pelis cada noite, compartir cervexas e risas ou ler coa cabeza repousando nas túas pernas.
Sei que hai un pequeno balcón ao que sair fumar e compartir o aire da noitiña.
Sei que hai unha habitación cunha cama mediana e un nórdico morno e blandiño, onde podería estudiar detidamente cada poro do teu corpo ata memorizalo coma se fosen as miñas oracións de cada día. Onde podería estirarche o meu pelo sobre o peito e durmir cos beizos pegados ó teu ombreiro. Onde podería escoitar medio a escuras as túas historias sobre África, Latinoamérica e a Antiga Roma, onde conectarme a outro plano da túa realidade.
Sei que hai un cuarto de baño onde chorar mentres me ducho sen que me escoiten cando ti non me escoites, cando non sexa nada para ti. Onde poder lava-las marcas que deixan os teus bicos no meu corazón.
Sei que, malia todo iso, está baleira de recordos e chea de esperanzas. E malia todo iso, eu estou baleira de esperanzas e chea de recordos.

Todo

Agosto 4th, 2012

Deullo todo: a súa paciencia, a súa comprensión, os seus compases, o seu medo, os seus susurros, os seus xemidos, toda a súa respiración. Deullo todo dentro da súa cabeza dende fóra do seu corpo, mais non lle valeu de nada porque ninguén sabía realmente o que había entre os seus pensamentos e os seus sentimentos, e aquel amor nunca existiu en voz alta

Nalgures, no Universo

Xullo 30th, 2012

Atopei un lugar nalgures, no Universo, onde todo está en orde. Onde todo o caos se conxura para facer enmudecer ao medo, onde o mañá non desacouga, onde a incertidume non envelena os meus pensamentos.
Atopei un lugar sobre o teu peito onde a miña respiración se calma, onde podo durmir sen pesadelos e sen espertar cos berros da miña consciencia.
Atopei a túa boca, onde podo vivir e beber da túa auga, que me inunda por dentro con milleiros de letras valentes.
Atopei a túa pel, que cobre os nosos brazos, as nosas caricias, as nosas costas. E os nosos fríos, os nosos nós, o noso mundo, e que fai que todo o que hai fóra xa non nos preocupe nin importe.
Necesito ese lugar: o teu peito, a túa boca, a túa pel. Estou perdida nun tremendo Universo de futurabilidade que me arrepía e me rouba os meus desexos, que me sacode ata que os pensamentos me queiman por dentro. Nun universo que me fere, pero que contigo parece menos fero.

Loitar contra a razón

Xuño 15th, 2012

Din que é difícil loitar contra os sentimentos, e ó final os dous remataron por seguir ós seus corazóns.

A el a razón dicíalle que xa non había motivos para intentar arranxar o que se rompera uns meses antes. Dicíalle que seguramente non pagaría a pena recompoñer aquela fotografía rota en trece anacos, ir pegando cachiño a cachiño ata que a imaxe que se vía nela parecese igual á que antes fora. Non era necesario escoita-los gritos que aínda quedaban por escapar, nin ver as caras xirándose ó se atopar, nin erguer un muro de cemento na metade da cama que compartían. Pero o corazón, quizáis afeito a esas rutinas, tiña o impulso de volver a elas con cada latexo.

A ela, en cambio, o corazón dicíalle que no se metese no medio da relación que tiña aquella antiga parella afeita ás loitas inxustificadas  e inútiles. Dicíalle que, se de verdade o quería, mellor sería non lle crear problemas mentres el estaba intentando recompoñer a vella fotografía. Que non lle fixese dano. A razón, en cambio, dicíalle que aquela foto era imposible de recompoñer, así que ¿por que tiñan que perde-lo tempo? ¿Por que non podía ela rescatalo daquela outra muller que non lle ofrecía máis que peleas e desacordos? ¿Por que non lle podía regalar todo o seu equilibrio, as voltas do seu reloxo, a olor do seu champú, os raios de sol entrando pola fiestra e a súa visión do mundo? Iso era, realmente, todo o que el precisaba.

Pero ó final os dous remataron por seguir ós seus corazóns: el volveu coa muller dos berros inútiles, e ela deixoulle facelo. Din que é difícil loitar contra o corazón, pero aínda se sacrifica máis loitando contra a razón.